Friday 03 de May de 2024

Portos de Galicia e o concello de Noia analizan as posibilidades de ordenación da fachada marítima


O ente público dependente da Consellería do Mar contratou a un estudo arquitectónico unha proposta para a integración e aproveitamento do bordo litoral

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, contratou a un estudo arquitectónico a redacción dunha proposta preliminar de ordenación arquitectónica da fachada marítima de Noia. O obxectivo deste labor é aportar unha concepción global dos espazos para desenvolver a chancela portuaria de Labarta, no municipio noiés.

Así o expuxo a presidenta do ente público, Susana Lenguas, nunha reunión de traballo co Concello de Noia e o estudo de arquitectura adxudicatario dos traballos e que se celebrou esta semana na zona portuaria da localidade. Neste encontro expúxose a proposta de ordenación encargada polo ente público e os asistentes afondaron nas necesidades dos veciños do municipio noiés.
Neste sentido, todas as partes coincidiron en que o porto de Noia supón un importante espazo tanto para eventos como para actividades deportivas e tamén destacaron a necesidade de contar con superficie para aparcadoiro.

En relación coa chancela portuaria de Labarta, Susana Lenguas explicou que Portos de Galicia busca que a solución que se presente contemple en detalle as necesidades actuais e manteña coherencia coa contorna da fachada marítima. Para isto é necesaria unha perspectiva xeral do espazo baseada na ordenación, integración paisaxística, mellor aproveitamento da superficie portuaria e posta en valor da franxa litoral do municipio.

As posibilidades de mellora desta franxa terían en conta a necesidade de preservar ou ata ampliar as zonas de aparcadoiro de turismos e autobuses. Á vez farían compatible ese uso cunha ordenación da xeometría dos espazos que permita mellorar a vista cara ao mar ou integrar novos elementos mantendo a coherencia visual.